O Anfiteatro do paseo fluvial de Arteixo acolle este venres, 3 de xullo, ás 20:30 horas, o concerto de Sofía Espiñeira Trío, unha das actuacións incluídas na programación da IX edición do ciclo metropolitano Elas Son Artistas.
A cantante e compositora galega estará acompañada por Ailén Kendelman, nas percusións e coros, e por Judit Almeida, ao contrabaixo, para presentar un repertorio no que a canción de autora se combina con influencias da música tradicional e dos ritmos do mundo.
O concerto, cunha duración aproximada de 70 minutos, está dirixido a público adulto e contará con entrada libre e gratuíta.
O ciclo Elas Son Artistas promove a visibilidade das creadoras e impulsa a igualdade no ámbito da música e das artes a través dunha programación que percorre diferentes concellos da área metropolitana.
