O alcalde Carlos Calvelo, xunto co concelleiro de Promoción Económica, membros da directiva do Centro Comercial Aberto (CCA) Arteixo e o Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, presentaron esta mañá a Feira de Oportunidades 2026.

Este evento, que se desenvolverá no Campo da Festa durante os días 6, 7 e 8 de marzo, ten como obxectivo principal dinamizar a economía do municipio e ofrecer un escaparate directo para os establecementos locais. A feira contará cun total de 27 carpas comerciais nas que participarán 20 establecementos de diversos sectores como moda, calzado, artesanía e repostaría.
A iniciativa está organizada polo Concello de Arteixo coa coordinación do CCA Arteixo e conta co apoio financeiro da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Durante a fin de semana, os asistentes poderán participar en diversos sorteos, incluíndo vales de compra de ata 300 euros e un premio especial de 200 euros para quen presente o folleto promocional do evento.
Os horarios de apertura serán: venres de 17:00 a 20:00 horas, sábado de 10:00 a 20:00 horas e domingo de 11:00 a 20:00 horas.
