Un tramo da travesía de Pastoriza permanecerá cortado ao tráfico este domingo, 27 de setembro, entre as 14:00 e as 18:00 horas, con motivo da rodaxe da nova tempada da serie de televisión Clanes, producida por Vaca Films.
A gravación prevista en Pastoriza inclúe unha secuencia de persecución de coches con accidente, polo que será necesario interromper temporalmente a circulación na zona afectada. Para facilitar os desprazamentos durante o período de rodaxe habilitaranse dous desvíos, un para os vehículos que circulen en dirección Arteixo e outro para aqueles que se dirixan cara A Coruña.
O plano que acompaña esta información permite consultar tanto o tramo no que se producirá o corte como os itinerarios alternativos habilitados para a circulación.
A rodaxe contará coa participación de arredor de 150 persoas, ademais de varias unidades móbiles de produción, que se desprazarán ata Pastoriza para levar a cabo a gravación.
O Concello recomenda ás persoas que teñan previsto circular pola zona durante a tarde do domingo que teñan en conta o corte temporal e planifiquen os seus desprazamentos utilizando os desvíos sinalizados.
