Ir o contido principal

Un abano musical e cine infantil na axenda cultural da ponte de decembro

Cine e música volven a se dar a man nesta longa fin de semana de decembro. 

O auditorio de Arteixo acolle hoxe venres 7 de decembro, a actuación do Cuarteto de vento Tetramorph. Ofrecen, a partir das 20.45 h o seu espectáculo "Un abano musical", unha recompilación de temas clásicos, canción popular, repertorio jazzístico, bandas sonoras, pop-rock, entre outros. Este cuarteto, encabezado polo arteixán Miguel Costa Mariño, actual profesor na Escola Municipal de Música de Arteixo, está integrado por xóvenes talentos titulados no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A entrada ao concerto, con invitación que se poderá recoller 1 h na billeteira do CCC de Arteixo.

En Meicende quedan con cine. Un pouco antes, ás 20.00 h , proxéctase no auditorio a cinta de animación para os máis pequenos "A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol". Trátase dunha producción galega rodada en castelán e dirixida por Álex Cools que relata a viaxe da pequena Mumu para conseguir o seu sono de ser unha super estrela. Os seus enormes desexos conducirana a unha situación surrealista, da que será liberada grazas ao labor en equipo e ao enxeño dos seus compañeiros, aos que abandoara por careceren do glamour ao que ela aspiraba.