Pasar al contenido principal

Turismo Industrial

Polígono de Sabón

O turismo industrial é un elemento de identidade social, de feito o municipio de Arteixo é coñecido a nivel internacional grazas á súa gran industrialización, iniciada na década dos anos sesenta do pasado século, coa construción do Polígono Industrial de Sabón, que se complementa coa construción do gran Porto de Lagosteira e co Polígono de Morás, que nun futuro mellorará a condición deste municipio como motor da economía local, sen perder a súa propia identidade.

As empresas colaboran amosando o seu labor ás persoas visitantes e materializan a súa responsabilidade social de transmisores de coñecementos ao mesmo tempo que contribúen a xerar beneficios directos, tanto para quen as visita coma para a comunidade local na  que están instaladas.

Unha axeitada técnica de interpretación por parte das empresas permite que os visitantes gocen coa explicación sobre a súa evolución cronolóxica, técnica e social participando completamente na mesma, espertando e satisfacendo a súa curiosidade.

Un reforzamento e coordinación da presenza das industrias grandes e pequenas instaladas neste municipio é fundamental para crear sinerxías conxuntas con todas as contribucións de carácter  institucional que procedan, tanto da administración municipal de Arteixo coma doutras administracións.

Así pois, a promoción, o desenvolvemento e a innovación son os aspectos que caracterizan a singularidade e o atractivo do Turismo Industrial que cómpre desenvolver pola súa importancia cultural, pedagóxica e económica que se complementa con outro tipo de turismo que xa está consolidado actualmente. Así  o entenden actualmente as empresas punteiras do Polígono Industrial de Sabón, entre elas Inditex, La Voz de Galicia ou Bonilla a la vista cuxa información se pode consultar nos seus portais web coma La Voz de Galicia que conta co Museo Santiago Rey Fernández- La Torre.

 

 

PORTO DE LAGOSTEIRA 

O Concello de Arteixo forma parte do Consorcio As Mariñas e, polo tanto, participa no proxecto de implantación do Turismo Industrial na área metropolitana da Coruña e así, en conxunto, pódense emprender rutas ou paquetes temáticos que redundan na motivación para que as empresas participen activamente abrindo as súas portas e ofrecéndolle ás persoas visitantes a posibilidade de gozaren desta experiencia  lúdico - cultural.