O Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía acollerá este sábado 21 de novembro dous concertos con motivo da celebración de Santa Icía, patroa da Música. As dúas citas serán de entrada libre.
A programación comezará ás 12:30 horas co concerto homenaxe á patroa da Música da Banda de Música Santiago de Arteixo. Na actuación intervirán as dúas seccións da formación e darase a benvida ás novas incorporacións da asociación.
Pola tarde, ás 18:30 horas, celebrarase a terceira edición dos Encontros Musicais Santa Icía do Orfeón de Arteixo. Esta iniciativa pretende fusionar a música das diferentes agrupacións do Concello e contará coa participación do Orfeón de Arteixo e doutros artistas convidados.
