Skip to main content

Servizos sociais

Os servizos sociais comunitarios básicos desenvolverán as súas funcións, de maneira estruturada, por medio dos programas e servizos seguintes:

Programa de valoración, orientación e información en materia social ás persoas, grupos ou á comunidade en xeral, que se desenvolverá en todas as entidades locais titulares de servizos sociais comunitarios de Galicia.

Servizo de axuda no fogar (SAF) que ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no seu medio habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou noutras situacións de risco social para as cales resulte un recurso idóneo.

Servizo de educación e apoio familiar, que integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

Programa básico de inserción social que procure valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situacións ou risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención social personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas. Inclúense nesta categoría os proxectos expresamente dirixidos ao desenvolvemento, promoción e integración da comunidade xitana e outras minorías étnicas.

Programa de fomento da cooperación e solidariedade social, que facilite a participación comunitaria en tarefas colectivas, impulse o asociacionismo solidario e, en especial, a organización e coordinación do voluntariado social.

Na formulación e desenvolvemento dos programas básicos de actuación, os servizos sociais comunitarios incorporarán a perspectiva de anticipación e prevención, tanto individual como familiar ou comunitaria, das situacións causantes da exclusión social, a dependencia e a desprotección.